AVEMPO organiza a X Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) organiza a X Carreira Solidaria ‘Eu Móvome pola Esclerose Múltiple’. O evento deportivo volve á alameda de Bouzas no seu décimo aniversario, tras dous anos sen poder celebrarse de forma presencial debido á pandemia. A proba terá lugar o próximo 30 de outubro ás 11:00 horas na Alameda de Bouzas. O rexistro de participantes pode realizarse ata o 25 de outubro a través do portal de 321.go.es, empresa encargada do control técnico da carreira. Paralelamente, AVEMPO habilitou unha proba en modalidade virtual, para aquelas persoas que non poidan participar de forma presencial.

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple chama á participación social para recuperar a normalidade no décimo aniversario da súa carreira solidaria, repetindo a fórmula de 2019, anterior á pandemia: dúas carreiras de 5K e 10K e unha ‘andaina’ de 5K.

A saída e a meta da X Carreira Solidaria pola Esclerosee Múltiple estarán situadas na Alameda Suárez Llanos e percorrerá as rúas Pescadores, Eduardo Cabelo, Av. Beiramar, Jacinto Benavente, Coruña e Tomás A. Alonso; sumando unha distancia total de cinco quilómetros. A carreira, de carácter competitivo e cronometrada, contará con dúas modalidades opcionais: 5K (unha volta ao percorrido) e 10K (dúas voltas ao percorrido). Ademais, o evento tamén ofrece unha ‘andaina’ de 5K sen límite de idade na que poderán participar menores acompañados dun adulto e todas aquelas persoas que opten por facer o percorrido andando. Tamén se habilitou un ‘Dorsal 0’ para todas as persoas que, sen participar na carreira, queiran colaborar coa causa.

MODALIDADE VIRTUAL

Tras a boa acollida nos dous últimos anos do formato virtual do ‘Eu Móvome’, AVEMPO habilita este ano a opción de inscribirse neste formato da proba, que nesta ocasión non será competitivo. As persoas interesadas poderán inscribirse nas modalidades de carreira 10K, 5K ou ‘andaina’ no portal 321.go.es ata o próximo 30 de outubro. Neste caso, a carreira manterase activa do 22 ao 30 de outubro.

Toda a información do ‘Eu Móvome pola Esclerose Múltiple’ será actualizada a través da web habilitada por AVEMPO para a carreira e nas redes sociais oficiais da proba deportiva en Twitter, Facebook e Instagram con en hashtag #EuMóvome22.

O evento converteuse nun piar importante para o mantemento dos servizos que ofrece a asociación. Tras moito tempo de loita, a redución de axudas que sufrimos nos últimos anos fai que a participación social e solidaria sexa máis importante e necesaria que nunca. Coa carreira, AVEMPO busca tamén difundir o labor que fai a asociación e sensibilizar á sociedade coa Esclerose Múltiple, unha enfermidade para a que aínda non existe cura e que afecta cada vez máis á xente nova.