A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) celebra por sétimo ano consecutivo en Vigo a campaña solidaria 'Móllate pola Esclerose Múltiple'. O próximo domingo 14 de xullo a praia de Samil acollerá, de maneira exclusiva en toda a comunidade galega, esta campaña de sensibilización social que ten por obxectivo achegar á sociedade unha enfermidade neurolóxica que afecta a máis de 3.700 persoas en Galicia e arredor de 55.000 en España.
Nesta nova edición do 'Móllate' pacientes, familiares e profesionais de AVEMPO estarán informando sobre a campaña e animando á participación social ao longo do día. A asociación instalará unha carpa co merchandising exclusivo da campaña e material da propia entidade xunto á piscina 'Samil San Remo'. Tódolos fondos recadados destinaranse ó mantemento dos servicios que AVEMPO ofrece na súa sede ás persoas afectadas pola enfermidade e os seus familiares.
Ao longo de todo o día, AVEMPO celebrará distintas actividades lúdicas na piscina para tódalas idades. Entre outras actividades, a asociación instalará este ano unha ruleta solidaria con premios para os que participen co seu donativo. Durante a xornada celebraranse tamén clases acuáticas na piscina e diversas actividades.
A asociación convoca tamén os xa tradicionais chapuzóns solidarios pola Esclerose Múltiple. O acto principal da campaña terá lugar ás 13:00h. na praia, onde persoas afectadas de Esclerose Múltiple, familiares e profesionais de AVEMPO realizarán un chapuzón solidario e animarán aos bañistas a sumarse á causa.
Para fomentar a participación social, profesionais de AVEMPO gravaron un vídeo no barrio de Bouzas (https://youtu.be/7QCc4qZK_S4?si=2kOETQhec6BOGuc-) no que se mollan á vez que explican a campaña.
En paralelo, AVEMPO habilitou unha páxina web (https://avempo.org/mollate/) para informar sobre o 'Móllate', o programa de actividades e como sumarse á campaña, na que as persoas interesadas poderán colaborar coa asociación coa adquisición de merchandising, facendo un donativo ou inscribíndose como socias da entidade.
Dende que se iniciou a campaña en 1994 en Cataluña, cada ano celébrase o 'Mójate por la Esclerosis Múltiple' ao longo de toda a xeografía española. Este ano, a iniciativa terá lugar en máis de 900 praias e piscinas de todo o país, nas que se prevé que se mollen máis de 100.000 persoas e participen arredor de 3.000 voluntarios nesta acción solidaria para visibilizar a Esclerose Múltiple.