A Asociación de Esclerose Múltiple de Vigo (AVEMPO) organiza o vindeiro mércores, 23 de febreiro, a charla informativa ¿Existe unha dieta perfecta?, para analizar o papel que xoga a dieta nas persoas que viven cunha enfermidade neurodexenerativa como a Esclerose Múltiple, entre outras. O acto pódese seguir presencialmente no restaurante de alimentación saudable Terrabowls (C/Teófilo Llorente, 16) e por internet, previa inscrición.
A charla correrá a cargo de Lucia Terzi, licenciada en Nutrición e Dietética Humana pola Universidade de Alcalá de Henares. Con este evento, AVEMPO busca informar ás persoas que viven cunha enfermidade neurodexenerativa sobre a importancia dunha boa alimentación neste tipo de patoloxías, así como o tipo de patrón máis axeitado a seguir para un correcto aporte de nutrientes.
A charla, aberta a todas as persoas interesadas, realizarase presencialmente no restaurante Terrabowls, que colabora coa entidade facilitando as súas instalacións para o evento. O aforo limitarase a 50 persoas ata completarse segundo orde de inscrición, que deberá realizarse antes do vindeiro martes 22 de febreiro ás 20:00 horas a través do correo avempovio@hotmail.com ou nos teléfonos 986 298 865 / 685. 113 398. Ao mesmo tempo, pódese seguir o evento por streaming a través da plataforma Zoom, tamén previa inscrición. As persoas inscritas nesta modalidade recibirán o enlace ao evento o mesmo día da súa celebración.
Tras a charla, a nutricionista Lucia Terzi responderá ás preguntas dos asistentes que se plantexen tanto de xeito presencial como telemático, así como ás recibidas previamente a través das canles de contacto dos que dispón a entidade.
Grazas á colaboración de Terrabowls, as persoas que asistan á charla e desexen cear no restaurante esa mesma noite poderán beneficiarse dun desconto do 20%. Por motivos organizativos, as persoas que o desexen deberán confirmar o seu interese en gozar da cea no local no momento da inscrición.
Para acceder ao recinto será imprescindible o cumprimento das medidas de seguridade vixentes para a prevención da transmisión do COVID-19.