COGAMI participa no Congreso Internacional de  Atención á Diversidade e Inclusión da USC

COGAMI participa no Congreso Internacional Atención á Diversidade e Inclusión. O papel da Universidade e as Asociacións na Construción de Comunidades Inclusivas, que terá lugar os días 23 e 24 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Este congreso constitúe un espazo para reflexionar sobre a diversidade, equidade e inclusión como eixos fundamentais da educación. O obxectivo é dar a coñecer experiencias e actuacións universitarias dirixidas á atención do alumnado con discapacidade, así como destacar o papel das entidades sociais na construción de comunidades inclusivas.

Ademais do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, intervirán neste foro profesionais de diferentes áreas da entidade como o a de Emprego representada por María del Carmen Ínsua, a de Recursos Humanos que contará coa participación de Ana Traba, por parte de COGAMI Empresarial, Rosa Gutiérrez, e para falar sobre proxectos europeos inclusivos estará Catuxa Pereira.

A programación tamén inclúe obradoiros a cargo de profesionais de COGAMI e COCEMFE, especialistas en educación inclusiva, que achegarán a súa experiencia práctica no ámbito da diversidade.

Outras das entidades que participarán neste Congreso Internacional de  Atención á Diversidade e Inclusión da USC serán a ONCE e EASPD.

Amplía a información na páxina web do Congreso dende a que podes inscribirte https://www.inclusionyatencionaladiversidad.es/