A asociación Íntegro da Costa da Morte organiza unha xornada de convivencia e diversión aberta a toda a veciñanza para intercambiar experiencias e gozar dun día de xogos e entretemento sumando valores e estreitando lazos coa comunidade.
Xoguemos ao grande é o título dunha xornada que se vai desenvolver o sábado, 27 de abril, de 16.30 a 19.30 horas, nas instalacións do centro de recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños). A temática vai ser a práctica de xogos de mesa populares a tamaño real, onde se poderá botar unha partida ao Parchís, á Oca, Tres en Raia, á Jenga ou á diana.
Non hai límite de idade para participar. As persoas interesadas deben adquirir a súa entrada na pre-venda, que arrinca o luns 8 e prolongarase ata o venres 12, a través dos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649, ou achegándose ata as instalacións de Nantón de luns a venres, e de 09.00 a 17.00 horas. Durante este período, haberá unha promoción especial de 6€ para os adultos/as e 4€ para os cativos/as xunto con dúas participacións por persoa para os sorteos que se realizarán ao rematar as actividades. Finalizado este prazo, o importe será de 7€ e 5€, respectivamente, e unha participación por persoa.
A recadación final irá destinada integramente á adquisición de nova maquinaria para o ximnasio que o centro ten en Nantón.
Ademais de xogos, tamén haberá café, bebidas para os menores e biscoito de balde elaborado polas persoas usuarias do centro. Ao final da xornada, terá lugar o sorteo dunha cea para dúas persoas no restaurante do Hostal Playa de Camariñas, e un agasallo sorpresa que se sorteará entre as nenas e nenos. Así mesmo, quen gañe as partidas recibirán un pequeno obsequio elaborado polas persoas usuarias do Centro de Recursos Íntegro.