“Medrando en familia”, primeiro Congreso de Atención Temperá organizado por COGAMI e o Concello de Poio

COGAMI e o Concello de Poio colaboran na organización do primeiro congreso de Atención Temperá que se celebrará o sábado, 20 de xuño, de 10.00 a 14.00 horas, no Pazo de Besada de Poio.

Co título “Medrando en familia, como apoiar o desenvolvemento infantil”, a xornada estará dirixida principalmente ás familias, ás que se lles ofrecerá ferramentas prácticas para apoiar o desenvolvemento infantil dende un enfoque próximo e accesible.

Profesionais de diferentes ámbitos e familias usuarias do servizo participarán nunha mesa redonda onde abordarán a atención temperá dende diferentes ámbitos de actuación como a sanidade, os servizos sociais, a educación e a familia.

Este Congreso de Atención Temperá de Poio contará coa participación da pediatra especializada en neuroloxía pediátrica, Laura Arias García; a coordinadora e psicóloga do Servizo de Atención Temperá de Poio, Sonia Limés González; Ana Martín-Serrano Fontenla, nai dun neno con autismo e fundadora da marca La Monda; a traballadora social do Concello, Rosa Freire Fariña; e a directora e mestra de educación infantil en Irmanais, Nerea Díaz Rodríguez.

O prazo de inscrición está aberto no formulario ao que se pode acceder neste enderezo INSCRICIÓNS. Co obxectivo de facilitar a asistencia, ofrecerase un servizo gratuíto de monitorado para o coidado das crianzas.

O ano pasado iniciou a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá do Concello de Poio por parte de COGAMI. Dende a apertura atendeu a preto de 100 nenas e nenos de entre 0 e 6 anos. Trátase dun servizo público e gratuíto orientado á prevención, detección e intervención ante posibles dificultades no desenvolvemento infantil. O equipo está formado por profesionais das áreas de psicoloxía, logopedia e fisioterapia pediátrica, que desenvolven a súa actividade na Casa Rosada.