Risas, teatro e moito talento para despedir o Festival ADISBISMUR en Outes

A Casa da Cultura acolle este domingo, 18 de xaneiro, ás 17 horas, a última cita da décimo quinta edición do festival, protagonizada polas persoas usuarias e profesionais da entidade.

A Asociación ADISBISMUR celebrará este domingo, 18 de xaneiro, o terceiro e último Festival deste ano, unha cita que porá o broche final á súa décimo quinta edición e que terá lugar na Casa da Cultura de Outes a partir das 17:00 horas.

Tras dous festivais previos, esta última xornada servirá para pechar o ciclo cultural desenvolvido ao longo do ano nun concello no que a entidade destaca o excelente acollemento recibido en cada edición e a resposta sempre moi positiva do público asistente.

O festival ofrecerá unha tarde de teatro, música e humor, cunha programación protagonizada polo talento das persoas usuarias do servizo de atención diúrna e tamén de profesionais que volverán subir ao escenario para compartir co público o traballo realizado ao longo de todo o ano.

A entrada terá un donativo de 5 euros, que dará dereito tamén a participar nun sorteo que se celebrará durante o propio festival, engadindo un atractivo máis a unha xornada pensada para gozar da cultura e da convivencia.

Desde ADISBISMUR queren agradecer de xeito especial a colaboración do Concello de Outes, así como o apoio de Eroski, Gadis, H. Peña Cárnicas e Xaitas Blue, cuxa implicación fai posible a realización deste evento.

Con este festival, a entidade pecha o ciclo cultural deste ano, ao tempo que avanza que xa se atopa a traballar en novas actividades culturais que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.