XI Carreira Solidaria Eu Móvome pola Esclerose Múltiple

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) celebra a XI Carrera Solidaria ‘Eu Móvome pola Esclerose Múltiple’. O evento deportivo volve ao barrio vigués de Bouzas o próximo 29 de outubro ás 11:00 horas na Alameda Suárez Llanos. As inscricións xa están abertas e poden realizarse ata o próximo 25 de outubro a través da seguinte ligazón, sendo Team Relay S.L a empresa encargada do control técnico da carreira.

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple chama á participación social na nova edición da súa carreira solidaria, repetindo a fórmula tradicional da súa proba en modalidade presencial: dúas carreiras cronometradas de 5K e 10K e unha ‘andaina’ de 5K. Este ano, a asociación decidiu prescindir da modalidade virtual, posta en marcha en carreiras anteriores por mor da crise sanitaria da COVID-19, co fin de alcanzar a normalidade do evento deportivo e fomentar a participación social na alameda de Bouzas.

A saída e a meta da XI Carrera Solidaria pola Escleroses Múltiple estarán situadas na Alameda Suárez Llanos e percorrerá as rúas Pescadores, Eduardo Cabelo, Av. Beiramar, Jacinto Benavente, Coruña e Tomás A. Alonso; sumando unha distancia total de cinco quilómetros. A carreira, de carácter competitivo e cronometrada, contará con dúas modalidades opcionais: 5K (unha volta ao percorrido) e 10K (dúas voltas ao percorrido).

Ademais, o evento tamén ofrece unha ‘andaina’ de 5K sen límite de idade na que poderán participar menores acompañados dun adulto e todas aquelas persoas que opten por facer o percorrido andando. 

Doutra banda, AVEMPO tamén habilitou un ‘Dorsal 0’ solidario para todas as persoas que, sen participar na carreira, queiran colaborar coa causa. Todos os fondos recadados en calquera das modalidades irán destinados ao mantemento dos servizos que a asociación ofrece na súa sede ás persoas con Esclerose Múltiple e os seus familiares.

Toda a información do ‘Eu Móvome pola Esclerose Múltiple’ será actualizada a través da web habilitada por AVEMPO para a carreira e nas redes sociais oficiais da proba deportiva en Twitter, Facebook e Instagram co hashtag #EuMóvome23.


O evento converteuse nun piar importante para o mantemento dos servizos que ofrece a asociación. Tras moito tempo de loita, a redución de axudas que sufriu a entidade nos últimos anos fai que a participación social e solidaria sexa máis importante e necesaria que nunca. Coa carreira, AVEMPO busca tamén difundir o labor que fai a asociación e sensibilizar á sociedade coa Esclerose Múltiple, unha enfermidade para a que aínda non existe cura e que afecta cada vez máis á xente nova.