A Xanela, asociación de discapacitados activos de As Pontes e a Fundación Siel Bleu España, a través da súa delegación en Galicia, veñen de firmar un convenio de colaboración para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
Un acordo de colaboración que busca unir esforzos entre os programas de estimulación cognitiva, con múltiples enfoques terapéuticos, levados a cabo na Xanela, e os programas de envellecemento activo, avalados pola Comisión Europea, que desenvolve a Fundación Siel Bleu España.
O propósito desta unión é crear un equipo de traballo multidisciplinar para poñer en marcha un conxunto de actividades encamiñadas a frear o deterioro asociado ó envellecemento, ás enfermidades asociadas así como a mellorar as capacidades físicas das persoas, en idade adulta, con diversidade funcional.
Durante este ano, un equipo de traballo da Fundación Siel Bleu España achegarase ata o centro da Xanela para desenvolver un programa de mantemento físico no que se dará prioridade á prevención das caídas, á mellora do patrón da marcha, ó aumento no rango articular así como ó aumento da capacidade aeróbica dos participantes para, deste xeito, crear unha base funcional que permita ós socios e usuarios da Xanela mellorar a súa calidade de vida, especialmente no ámbito das actividades básicas da vida diaria (ABVD).
En palabras dos representantes de ambas entidades, Diego Sánchez e Juan G. García: “Este acordo de colaboración permite a creación de moitas sinerxías que permite, non só mellorar ás condicións de vida das persoas que conforman a Xanela, a través dun sistema de traballo que ofrece resultados medibles, senón tamén dar a coñecer todo o traballo, que desde diversas asociacións, se está levado a cabo en Galicia a prol das persoas con diversidade funcional”
Fundacion Siel Bleu España
A Fundacion Siel Bleu España, a través da súa delegación de Galicia, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas, promovendo os beneficios da actividade física mediante programas de exercicios personalizados, divertidos e interactivos. Desde os seus inicios, en 1997, ten como obxectivo promover un estilo de vida activo para combater as fraxilidades, frear o deterioro do envellecemento e as enfermidades asociadas e mellorar as capacidades físicas das persoas en idade adulta, que permiten unha maior calidade de vida.
Esta fundación, con presenza en Irlanda, Bélxica e Francia, conta un equipo de máis de 400 profesionais licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e con más de 80.000 beneficiarios en toda Europa.
A Xanela
A Xanela, asociación de discapacitados activos, membro de Cogami, con case 20 anos de experiencia no sector, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas, levadas a cabo por un equipo de traballo multidisciplinar, que combinan a estimulación cognitiva coa física.