A Xanela participa na II Xornada de atención integral centrada en maiores

     

A Xanela, asociación de discapacitados activos das Pontes participará mañá, 20 de outubro, nas segundas xornadas sobre atención integral centrada en maiores, organizadas pola educadora Laura Vilaboy Romero en colaboración co Concello de As Pontes e a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.

A nosa terapeuta ocupacional e a nosa educadora social compartirán mesa con outros profesionais do sector para afondar no modelo de atención integral, centrado nas persoas maiores en situación de diversidade funcional.

A partir das 12:00 horas, na Casa Dopeso, as nosas compañeiras falarán sobre o plan de intervención terapeutica-ocupacional para persoas con discapacidade que se está a desenvolver na Xanela desde o ano 2013  e que ten como obxectivo mellorar saúde física mental, emocional, social e cognitiva das persoas beneficiarias así como a potenciar a súa calidade de vida dun xeito global.

Na súa intervención falarán da metodoloxía empregada para acadar os obxectivos propostos, baseada na entrevista persoal, no deseño de plans individualizados que inclúen programas de estimulación cognitiva e sensorial, entre outros, destinados a estimular e manter a atención, percepción,orientación espacial, memoria e linguaxe das persoas que sofren diversidade funcional na procura de que realicen actividades da vida cotiá con maior facilidade, contribuíndo a súa integración social.  Exporán tamén o método de seguimento e avaliación do modelo de intervención terapéutica para axustarse aos avances acadados por cada usuario sen esquecer o obxectivo principal: a atención integral.

A Xanela

Asociación de discapacitados activos, membro de Cogami nace no ano 2000, para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con diversidade funcional, co fin de conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa integración na sociedade. Situada no municipio de As Pontes, conta con 177 socios e 20 usuarios. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así a como aos seus familiares e contorna social.  A súa misión e mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas e de lecer e tempo libre.