A Xanela, asociación de discapacitados activos das Pontes súmase a iniciativa As Pontes en pezas, posta en marcha polo concello pontés, a través das concellerías de Cultura e Participación Cidadá. A través desta proposta o consistorio trata de recuperar e revalorizar distintos espazos públicos do concello mediante diferentes intervención artísticas, que van desde a pintura ata o grafiti, pasando polo ganchillo e a fotografía.
A Xanela participa mediante dúas actividades: un grafitti con fíos e unha intervención artística. Os usuarios e usuarias que participan, desde o mes outubro, no obradoiro de ganchillo elaboraron unha serie de pequenas pezas de fío, que se unirán ás de outros participantes, para crear un proxecto colectivo que se exporá os días 28 e 29 de outubro, no parque municipal de As Pontes, con motivo da Feira de Fungos e Cogumelos.
En colaboración con ARTPO (Asociación de Artistas Ponteses) a Xanela tamén participará na recuperación e revitalización dun espazo non Rego do Campo creando un orixinal mural durante os días 26 e 27 de outubro que se sumarán aos xa realizados por outros artistas ponteses e galegos como Iván Gómez, Dávila, Eduardo Hermida ou Noemí Larred, convertendo as rúas nun auténtico museo ao aire libre.
A Xanela
Asociación de discapacitados activos, membro de Cogami, nace no ano 2000 para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con diversidade funcional, co fin de conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa integración na sociedade. Situada no municipio de As Pontes, conta con 177 socios e 20 usuarios. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así a como aos seus familiares e contorna social. A súa misión e mellorar a calidade de vida é fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas e de lecer e tempo libre.