Secretaría Xeral de Política Lingüística
Dende 2018 a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da sinatura de diferentes convenios de colaboración, está a apoiar o desenvolvemento dun programa de actuacións en lingua galega que nos permite deseñar e realizar material divulgativo e de sensibilización no eido da discapacidade, dirixido ao ámbito educativo e á sociedade en xeral.
Como resultado desta colaboración deseñáronse materiais didácticos, xogos on-line, un capitulo audiovisual e unha guía sobre patios inclusivos para que o alumnado, ao mesmo tempo que aprende, poida divertirse.
Ademais foi posible elaborar e distribuír información sobre o valor social de COGAMI, e material para dar a coñecer a un maior público as actividades que dende a confederación realizamos.
Programa En-Red-Arte
Dende o ano 2017 participaron máis de 300 persoas do movemento asociativo de COGAMI no programa de obradoiros creativos En-Red-Arte.
Este programa consiste no desenvolvemento de obradoiros artísticos en disciplinas como fotografía, teatro, danza, artes plásticas ou música. Estes obradoiros realízanse no conxunto da xeografía galega, nas instalacións da propia Confederación ou a través das asociacións membro que a conforman.
As dúas primeiras edicións remataron cunha exposición de pinturas e esculturas na Cidade da Cutlura.
Na actualidade, durante o ano 2021-2022 estase a desenvolver a terceira edición.
VOLUNTARIADO
Sumando na rede é un dos programas de voluntariado que desenvolve COGAMI coa finalidade de sensibilizar e promover a participación activa das persoas con discapacidade como voluntarias. Este programa estrutúrase en dúas accións principais: promoción da participación activa e asegurar os apoios necesarios para que as persoas con discapacidade poidan integrarse nas accións de voluntariado.
Cada ano, organizamos charlas de sensibilización, concienciación e prevención de lesións medulares, dirixidas á poboación en xeral e, especialmente, ao alumnado de centros educativos. Estas charlas adoitan contar coa participación activa de persoas voluntarias.
Tamén se desenvolven programas de acción voluntaria que buscan potenciar as capacidades das persoas con discapacidade, fomentando a súa autonomía e independencia a través de actividades como: acompañamento e apoio a persoas con discapacidade, apoio educativo, participación en charlas de sensibilización sobre a discapacidade, compañamento en actividades de lecer ou terapéuticas.
En 2024, 18 persoas con discapacidade incorporáronse á bolsa de voluntariado de COGAMI, sumándose a unha rede que xa supera o milleiro de persoas inscritas. Para fortalecer esta rede, COGAMI desenvolve programas financiados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude e o Servizo de Voluntariado.
COGAMI tamén imparte formación especializada para persoas voluntarias e para o persoal das entidades que xestionan os programas de voluntariado.
O voluntariado proporciona múltiples beneficios:
Axuda a adquirir habilidades sociais e de apoio a outras persoas.
Ofrece formación continua.
Contribúe a promover a autonomía persoal e a fomentar a participación activa en igualdade de oportunidades na sociedade.
En definitiva, o voluntariado é unha ferramenta clave para impulsar o cambio social.