A través da financiación que aporta esta Consellería, COGAMI pode desenvolver os seguintes programas e servizos:
O Servizo de Orientación Laboral con 27 profesionais que realizan labores de entrevistas e orientacións, visitas a empresas, accións grupais de técnicas de busca de emprego e de motivación, ademais de intermediación laboral entre a persoa usuaria e a empresa.
A Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración tamén apoia a contratación de axentes de emprego e/ou unidades de apoio para a creación de emprego polas entidades sen ánimo de lucro mediante o financiamento de 8 profesionais que realizan labores de intermediación laboral coa empresa ordinaria, fomento do autoemprego entre o colectivo das persoas con discapacidade e a través da modalidade de emprego protexido nos centros especiais de emprego sen fins de lucro.
Ademais, COGAMI conta cun Servizo Interdisciplinar de Atención Integral á Discapacidade a través do financiamento da contratación de profesionais, sendo 9 no período 2020-2021, para realizar actividades de atención rehabilitadora, habilitación persoal e social, coidados persoais e asistencia especializada co fin de acadar o máximo desenvolvemento das súas capacidades. Estas contratacións enmárcanse dentro da convocatoria de subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro
A través da convocatoria para o desenvolvemento de Accións Formativas para Persoas desempregadas, de xeito anual, COGAMI vén a desenvolver unha media de 9 accións formativas por ano, que permiten formar a unhas 120 persoas con discapacidade, mellorando as súas posibilidades para o logro dun emprego.
A través do servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade, preténdese dar resposta ás necesidades que demanda este grupo social, especialmente ás que se atopen en situación de risco, como baixa participación social, dificultades na incorporación ao mercado laboral, sobreprotección social e familiar, autopercepción e imaxe social negativa ou con necesidades directamente asociadas a ter vivido situacións de violencia na contorna familiar, doméstica ou institucional.
Dende o 1 de xaneiro e ata o 31 de agosto de 2023 van ser atendidas a través deste programa 80 mulleres con discapacidade a través dun equipo de profesionais de traballo social localizados nos centros de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo.