30 anos creando oportunidades: a evolución de COGAMI Empresarial como referente da Economía Social en Galicia

Hai 30 anos nacía o primeiro proxecto empresarial de COGAMI coa posta en marcha de Coregal, unha iniciativa pioneira que apostou por unir actividade económica, protección ambiental e creación de oportunidades laborais para as persoas con discapacidade. Aquel primeiro paso marcou o inicio dun camiño de crecemento e diversificación que continúa ata hoxe.

Ao longo destas tres décadas, COGAMI Empresarial foi ampliando a súa actividade e consolidando un modelo empresarial diverso a través de diferentes iniciativas. A creación de Grafinco en 1998 e de Trameve en 1999 marcou os primeiros pasos da expansión do Grupo. Posteriormente, en 2003, naceu GES (Galega de Economía Social) como empresa matriz encargada de coordinar e prestar soporte ao conxunto do Grupo Empresarial. Nos anos seguintes incorporáronse novas unidades de negocio como Integratex (2007), Accede Social e Combina Social (2009) e Dixardín (2010). Actualmente, o Grupo está formado por nove unidades de negocio con actividade económica: GES, Coregal, Grafinco, Trameve, Accede Social, Combina Social, Integratex, Dixardín e Hornos de Lamastelle.

Este crecemento foi acompañado dun firme compromiso coa inclusión laboral. Na actualidade, COGAMI Empresarial conta con 763 persoas traballadoras, das que o 85,19 % teñen discapacidade, converténdose nun exemplo de como a economía social pode xerar emprego estable e oportunidades reais para persoas que atopan maiores barreiras de acceso ao mercado laboral.

A xestión de residuos e a economía circular, a mobilidade accesible, a xardinería e o coidado da contorna, a alimentación, as artes gráficas, o sector téxtil, os servizos auxiliares ou a recuperación de vehículos son algúns dos ámbitos nos que hoxe desenvolven a súa actividade as empresas de COGAMI Empresarial, sempre baixo un mesmo propósito: situar ás persoas no centro e contribuír a construír unha sociedade máis inclusiva e sostible.

Ao longo destes 30 anos, o Grupo Empresarial non só medrou en dimensión, senón tamén en impacto social e territorial, consolidando a súa presenza en Galicia a través dos seus centros de traballo e colaborando con administracións públicas, empresas e entidades para impulsar proxectos innovadores.

Esta traxectoria de tres décadas é o reflexo dun modelo empresarial no que a rendibilidade económica convive co compromiso social e ambiental. COGAMI Empresarial continúa mirando ao futuro co mesmo propósito co que iniciou a súa andaina: transformar oportunidades en emprego, inclusión e desenvolvemento sostible.

Galería de imaxes

Todas