Cada empresa de COGAMI Empresarial desenvolve unha actividade diferente, pero todas comparten unha mesma forma de entender o traballo: poñer ás persoas no centro e demostrar que a competitividade empresarial e o impacto social poden avanzar da man.
Durante 2025, esta diversidade volveu converterse nun dos principais activos do grupo. Desde a Economía Circular ata a alimentación, pasando pola xardinería, a comunicación gráfica, o transporte adaptado, o comercio téxtil ou os servizos externalizados, cada empresa contribuíu desde a súa especialización a crear novas oportunidades de emprego e xerar valor para a sociedade.
Coregal impulsou a economía circular mediante a xestión e valorización de miles de toneladas de residuos, mentres que Trameve deu unha segunda vida aos compoñentes de vehículos fóra de uso a través da reutilización e a recuperación de pezas.
Dixardín continuou coidando e transformando espazos verdes, promovendo a conservación da biodiversidade e a sustentabilidade ambiental, mentres que Hornos de Lamastelle combinou tradición e innovación para ofrecer produtos de alimentación de calidade cun firme compromiso coa mellora continua.
No ámbito dos servizos, Accede Social facilitou a mobilidade de centos de persoas cada día mediante o transporte adaptado; Combina Social acompañou ás organizacións na incorporación de políticas máis inclusivas e responsables; Grafinco desenvolveu solucións gráficas innovadoras adaptadas ás necesidades dos seus clientes; e Integratex continuou apostando por un modelo de comercio responsable e próximo ás persoas.
A diversidade sectorial convive cunha estratexia compartida baseada na innovación, na sustentabilidade, na calidade e na inclusión laboral. Este traballo coordinado permite aproveitar sinerxías, compartir coñecemento e afrontar novos retos desde unha visión común, reforzando a capacidade do grupo para responder ás necesidades da sociedade.
Con 763 persoas traballadoras, das que o 85 % teñen discapacidade, COGAMI Empresarial demostra que é posible construír un grupo competitivo, innovador e socialmente responsable, no que cada empresa achega valor desde a súa propia identidade.
Porque a verdadeira forza de COGAMI Empresarial non reside só na suma das súas empresas, senón no compromiso compartido de seguir creando oportunidades para as persoas e contribuír a unha sociedade máis inclusiva e sostible.