A Persoa Áncora: unha nova figura para humanizar os espazos laborais en COGAMI Empresarial

A Persoa Áncora: unha nova figura para humanizar os espazos laborais en COGAMI Empresarial

Esta figura nace coa intención de aplicar ao ámbito empresarial a metodoloxía da Atención Integral Centrada na Persoa (AICP), un enfoque xa consolidado en COGAMI Social, e que agora se expande aos centros de traballo das dez iniciativas de economía social que forman parte do proxecto empresarial da Organización.

Acompañar, escoitar, coidar

Ao fronte desta nova etapa está Cristina Taboada, cunha traxectoria de máis de 17 anos como traballadora social en diversas zonas de Galicia. Segundo explica, o papel da Persoa Áncora consiste en ser unha ponte entre o persoal e a empresa, cun enfoque centrado na escoita activa, o acompañamento e a detección de oportunidades de mellora nos espazos laborais.

O traballo comeza cunha análise profunda de cada centro, para coñecer a realidade das persoas traballadoras, as súas motivacións, inquedanzas e intereses. A partir dese contacto, constrúese un caderno de bitácora personalizado para cada contorna, que permitirá identificar accións concretas para mellorar o clima laboral e fortalecer o benestar.

Un exemplo real: Integratex como punto de partida

A implantación da figura da Persoa Áncora arrancou nos centros de Integratex, a iniciativa empresarial da Organización que lidera Yaiza Somorrostro, quen coñece ben o impacto desta nova aposta:

“Este tipo de acompañamento humano é fundamental para crear un bo clima laboral, manter os postos e facilitar a progresión profesional, en función do proxecto de vida de cada persoa”, explica.

Desde Integratex estanse a impulsar tamén outras accións complementarias que van na mesma liña de coidado do equipo humano: unha plataforma interna de venda online para dar valor aos produtos dos Centros Especiais de Emprego, o lanzamento de tarxetas regalo para dinamizar as tendas “For&From” de Massimo Dutti, Tempe ou Pull&Bear, ou a habilitación dun espazo polivalente nun antigo almacén, pensado como punto de encontro para formacións, descanso ou reunións.

Cara a unha cultura laboral con propósito

Con todas estas accións, o obxectivo é claro: que as persoas se sintan ben no seu traballo e que vexan que forman parte dun proxecto colectivo con valores e cun forte compromiso social.

“A calidade do coidado tamén é calidade de vida laboral”, destaca Cristina. Este novo reto profesional permítelle seguir contribuíndo ao benestar das persoas desde unha mirada máis ampla e reafirma unha idea clave:

“Cando potenciamos as capacidades das persoas, sementamos benestar no traballo.”

Seguimos construíndo lugares de traballo máis humanos

En COGAMI Empresarial, apostamos por modelos que poñen ás persoas no centro. A figura da Persoa Áncora é só o comezo dun camiño que busca transformar os espazos laborais en contornas de coidado, pertencenza e desenvolvemento persoal e profesional.

Esta actuación está enmarcada nun proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través de CEPES.

Síguenos para coñecer máis historias que demostran que outro modelo de empresa é posible.