A sostibilidade como eixo transversal: un compromiso compartido en COGAMI Empresarial

A sostibilidade deixou de ser un obxectivo de futuro para converterse nun principio que guía a actividade diaria das empresas de COGAMI Empresarial. Durante 2025, as diferentes iniciativas impulsadas polo Grupo demostraron que é posible compatibilizar o desenvolvemento económico coa protección do medio ambiente e a creación de emprego inclusivo.

Un dos mellores exemplos desta aposta é Coregal, que xestionou máis de 34.857 toneladas de residuos, favorecendo a recuperación de materiais e a redución do impacto ambiental mediante procesos de economía circular. A reutilización de compoñentes a través de Trameve e a valorización dos residuos consolidan un modelo que aposta por prolongar a vida útil dos recursos e reducir a xeración de refugallos.

A eficiencia enerxética tamén continuou avanzando durante o último exercicio. As instalacións fotovoltaicas implantadas por Coregal permitiron reducir o consumo eléctrico nas ecoplantas de Santiago e Mos, mentres que a renovación progresiva de maquinaria e equipamentos en diferentes empresas do grupo contribuíu a diminuír as emisións e mellorar a eficiencia dos procesos produtivos.

Outro exemplo é Hornos de Lamastelle, que impulsou un proxecto para valorizar arredor de 200 toneladas anuais de biorresiduos, transformándoos en compost e contribuíndo a un modelo de produción máis sostible. Pola súa banda, Dixardín reforzou a conservación da biodiversidade mediante actuacións ambientais como a instalación de hoteis para insectos, caixas niño e accións de sensibilización desenvolvidas no Monte Viso, en Santiago de Compostela.

A sustentabilidade tamén está presente na forma de innovar. Grafinco continúa empregando materias primas certificadas mediante os selos FSC® e PEFC, mentres que Accede Social avanza na renovación da súa frota, contando xa cunha ampla maioría de vehículos adaptados que cumpren o estándar Euro VI, contribuíndo á redución das emisións contaminantes.

Todas estas actuacións responden a unha visión compartida: construír empresas competitivas capaces de xerar impacto económico, social e ambiental positivo. Porque para COGAMI Empresarial, a sostibilidade non é unha acción puntual, senón un eixo transversal que orienta cada decisión e cada proxecto.

Este compromiso reafirma o propósito do Grupo de seguir creando oportunidades para as persoas ao tempo que contribúe á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento dun modelo económico máis responsable para Galicia.

Galería de imaxes

Todas