Trátase dun protocolo transversal, preventivo e baseado no diálogo, que reafirma o noso compromiso cunha cultura organizativa centrada nas persoas, onde prime o respecto, a equidade e a convivencia saudable.
Porque para COGAMI Empresarial, non chega con dicir que queremos facer as cousas ben: hai que facelas, e facelas liderando co exemplo. Cuidar das persoas é un valor esencial da nosa Organización, e por iso traballamos para garantir contornas seguras e libres de condutas que poidan vulnerar a integridade física ou emocional das persoas traballadoras.
Este novo protocolo, elaborado en consenso cos principais sindicatos (CIG, UGT e CCOO), actualiza os procedementos existentes, axustándose á normativa vixente e incorporando melloras que permiten actuar de maneira máis eficaz ante posibles casos de acoso.
A nosa política de Persoas (Recursos Humanos) establece un compromiso firme coa igualdade e co respecto, independentemente do xénero, nacionalidade, orientación, idade ou calquera outra característica persoal. Con este protocolo, reforzamos esa vontade e lembramos que a responsabilidade de manter un ambiente de traballo libre de acoso é colectiva, e abarca tamén as relacións con clientela, provedores e terceiros. O benestar e a protección das persoas son fundamentais para construír equipos comprometidos, motivados e capaces de facer realidade os obxectivos da nosa organización.