A xornada, organizada polo ForoESGal en Santiago de Compostela, centrouse na análise do escenario xeopolítico internacional e nas súas implicacións para a economía social.
Representantes de COGAMI Empresarial asistiron á sexta edición dos Cafés con Aroma a Economía Social, unha xornada organizada polo Foro pola Economía Social Galega (ForoESGal) que se celebrou no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.
O encontro estivo dedicado á reflexión sobre o novo escenario xeopolítico internacional e os seus efectos na economía social, a través dunha intervención principal e dunha mesa redonda con persoas expertas neste ámbito.
O relator principal foi Miguel Otero, investigador no Real Instituto Elcano e profesor e director en IE University, quen abordou o contexto internacional e propiciou o diálogo e a reflexión entre as persoas asistentes.
A continuación, celebrouse unha mesa redonda na que participaron Carlos Lozano, coordinador da área de Relacións Internacionais de CEPES; Celso Gándara, representante do ForoESGal en CEPES; e Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop e vicepresidenta segunda do ForoESGal, que tamén moderou o debate.
A xornada contou igualmente coa presenza de representantes institucionais, que destacaron a contribución da economía social á construción dunha economía máis xusta e cohesionada, vinculada ao territorio.
Con esta sexta edición, os Cafés con Aroma a Economía Social continúan ofrecendo un espazo de encontro e intercambio de ideas para dar visibilidade ao sector e reflexionar sobre os retos que afronta nun contexto internacional cambiante.