COGAMI Empresarial impulsa obradoiros participativos para mellorar o proceso de acollida do persoal

COGAMI Empresarial impulsa obradoiros participativos para mellorar o proceso de acollida do persoal

OGAMI Empresarial desenvolveu recentemente unha serie de obradoiros participativos co obxectivo de mellorar o proceso de acollida das persoas que se incorporan ás empresas do grupo. Estas sesións de traballo permitiron analizar a experiencia de incorporación desde diferentes perspectivas e avanzar cara a un modelo máis claro, acompañante e centrado nas persoas.

A iniciativa enmárcase no proxecto “A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: Pancas para o mantemento do emprego e fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial”, cofinanciado por CEPES a través do Fondo Social Europeo.

Un proceso participativo para analizar e mellorar a acollida

Nos obradoiros participaron profesionais de distintas áreas de COGAMI Empresarial, que traballaron en grupos utilizando metodoloxías colaborativas baseadas no design thinking. O obxectivo foi analizar o proceso actual de acollida do persoal, identificar dificultades e propoñer novas ideas que melloren a experiencia das persoas que comezan a traballar na organización.

Como punto de partida, o equipo de Recursos Humanos recolleu previamente opinións e experiencias de persoas incorporadas ao longo do último ano, co fin de coñecer de primeira man como viviran o proceso de chegada á empresa.

Durante as sesións realizáronse diferentes dinámicas para comprender mellor as necesidades das persoas implicadas no proceso de acollida, tanto desde o punto de vista de quen se incorpora como de quen acompaña ese proceso dentro da empresa.

Principais retos identificados

O traballo permitiu identificar varios aspectos clave nos que seguir avanzando para mellorar o proceso de acollida. Entre eles destacan:

  • Mellorar a transmisión da cultura da organización e reforzar o sentimento de pertenza ao grupo.
  • Favorecer un acompañamento máis próximo durante os primeiros meses de incorporación.
  • Simplificar e facer máis accesible a información e a formación inicial que reciben as novas persoas traballadoras.
  • Facilitar ferramentas e formación ás persoas responsables de realizar a acollida.
  • Clarificar os referentes e apoios dispoñibles dentro da organización.

Ideas e propostas para unha acollida máis próxima e accesible

Na segunda sesión de traballo, as persoas participantes centraron os seus esforzos en propoñer solucións concretas para mellorar os puntos críticos detectados.

Entre as propostas xurdidas destacan a creación de materiais máis visuais e sinxelos para guiar o proceso de acollida, como listas de verificación e infografías; a elaboración dun mapa de persoas referentes e recursos dentro da Organización; ou a posta en marcha de ferramentas de seguimento para acompañar ás persoas nos primeiros meses de traballo.

Tamén se plantexaron ideas innovadoras como o desenvolvemento de contidos audiovisuais breves sobre a Organización e os postos de traballo, unha plataforma multimedia interna para facilitar o acceso á formación ou a creación de kits de benvida e materiais para coñecer mellor o “universo COGAMI”.

Cara a un modelo de acollida máis humano e estruturado

Estas sesións permitiron xerar un espazo de reflexión compartida no que identificar oportunidades de mellora e avanzar cara a un proceso de acollida máis estruturado, accesible e centrado nas persoas.

O traballo desenvolvido contribuirá a reforzar o acompañamento das novas incorporacións e a seguir construíndo contornas laborais máis inclusivas, participativas e sostibles dentro de COGAMI Empresarial.