COGAMI Empresarial na I Feira de Empreendemento e Apoio ao Emprego “IMPULSA-T | UDC TALENTO”

COGAMI Empresarial na I Feira de Empreendemento e Apoio ao Emprego “IMPULSA-T | UDC TALENTO”

Un espazo para dar a coñecer COGAMI Empresarial

Durante a xornada, a entidade contou cun stand propio, onde se presentou o traballo que desenvolve para promover a inclusión laboral das persoas con discapacidade e o emprego inclusivo en Galicia.

A actividade, organizada pola UDC e descrita como un “Espazo para dinámicas de selección”, desenvolveuse baixo o nome “Coñece-T”. Estivo dirixida a quen quería coñecer máis de preto a COGAMI Empresarial e compartir o seu perfil profesional. O alumnado participante —maioritariamente estudantes estranxeiras de másteres no ámbito social e comunitario— tivo a oportunidade de presentar a súa traxectoria, intereses e experiencia, buscando posibles oportunidades de encaixe laboral na entidade.

Contacto directo coa comunidade universitaria

Ao redor de 40 persoas achegáronse ao stand, entre elas tres con discapacidade (dúas estudantes de Enxeñaría Informática e unha de Socioloxía). As persoas asistentes interesáronse por coñecer máis sobre COGAMI Empresarial e explorar oportunidades de emprego.
Esta participación permitiu achegar a entidade á comunidade universitaria e dar visibilidade ao seu compromiso coa igualdade de oportunidades e coa empregabilidade inclusiva.

Visibilidade da man de Recursos Humanos

Durante a feira, Anahí, compañeira do departamento de Recursos Humanos de COGAMI, foi entrevistada para compartir a experiencia da entidade na inserción laboral e na responsabilidade social empresarial. Ademais, respondeu preguntas sobre os perfís máis demandados na organización e ofreceu consellos a aquelas persoas que están comezando a súa carreira profesional.

Compromiso co emprego inclusivo

Con esta participación, COGAMI Empresarial segue consolidando o seu papel como referente no ámbito do emprego inclusivo, fomentando a colaboración entre o ámbito académico, empresarial e social para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.