COGAMI Empresarial participou no encontro celebrado onte, organizado por Cegasal e Nordés Club Empresarial, co obxectivo de reflexionar sobre a situación actual do emprego inclusivo en Galicia e avanzar cara a un modelo máis xusto e accesible para todas as persoas.
No marco desta xornada, o director xeral de COGAMI Empresarial, Víctor Silva, destacou a importancia de seguir tecendo alianzas entre entidades sociais e tecido empresarial para favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade, incidindo na necesidade de pasar da sensibilización á acción real.
Pola súa banda, Raquel Alvite, xerente de Combina Social, participou tamén neste espazo de diálogo, achegando a experiencia práctica no desenvolvemento de iniciativas que conectan empresas e inclusión, e poñendo en valor o papel das entidades que traballan no territorio para xerar oportunidades reais de emprego.
Durante o encontro púxose de manifesto que Galicia continúa presentando retos importantes neste ámbito, polo que resulta clave reforzar a colaboración entre administracións, empresas e entidades sociais, así como promover políticas e accións que impulsen a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego.
A participación de COGAMI Empresarial neste tipo de iniciativas enmárcase no seu compromiso co impulso dun mercado laboral máis inclusivo, no que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de condicións.