Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, promovido polas Nacións Unidas cada 5 de xuño, COGAMI Empresarial publica a súa Memoria de Sostibilidade 2025, un documento que recolle os avances, accións e resultados desenvolvidos polas empresas do grupo no ámbito ambiental, social e de gobernanza (ASG).
A sostibilidade constitúe un dos piares estratéxicos de COGAMI Empresarial. A través desta memoria, o grupo amosa o seu compromiso coa protección do medio ambiente, a creación de valor social e a consolidación dun modelo empresarial responsable que contribúe á xeración de emprego para persoas con discapacidade.
Un compromiso activo co medio ambiente
O Día Mundial do Medio Ambiente busca concienciar sobre a necesidade de protexer os recursos naturais e fomentar prácticas sostibles que garantan o equilibrio entre o desenvolvemento económico e a conservación da contorna.
Neste marco, a Memoria de Sostibilidade 2025 recolle as principais actuacións impulsadas polas empresas de COGAMI Empresarial para reducir o seu impacto ambiental. Entre os resultados máis destacados atópase a valorización de case o 85 % dos residuos xestionados por Coregal e o reaproveitamento de máis de 11.000 pezas procedentes de vehículos fóra de uso por parte de Trameve, exemplos do compromiso do grupo coa economía circular e a optimización dos recursos.
A memoria tamén recolle iniciativas como a aposta de Hornos de Lamastelle pola compostaxe dos residuos orgánicos derivados da súa produción, cun potencial de tratamento próximo ás 200 toneladas anuais, así como as medidas impulsadas por Accede Social para reducir a súa pegada de carbono mediante a incorporación de vehículos menos contaminantes.
No ámbito da eficiencia enerxética, a instalación de placas fotovoltaicas permitiu a Coregal acadar aforros do 22 % na súa ecoplanta de Santiago de Compostela e do 32 % na de Mos, contribuíndo á redución do consumo enerxético e das emisións asociadas á actividade empresarial.
Estas accións contribúen non só á protección do planeta, senón tamén á construción dun modelo produtivo máis eficiente e responsable.
Sostibilidade social e bo goberno
A visión da sostibilidade de COGAMI Empresarial vai máis alá do ámbito ambiental. O grupo mantén un firme compromiso co benestar das persoas traballadoras, coa creación de valor social nos territorios onde desenvolve a súa actividade e coa aplicación de principios de transparencia, ética e bo goberno.
Este enfoque integral permite fortalecer un modelo empresarial que combina competitividade económica e impacto social positivo, favorecendo a inclusión laboral das persoas con discapacidade e xerando oportunidades de desenvolvemento en diferentes sectores da economía social.
Un modelo baseado en criterios ASG
As empresas de COGAMI Empresarial desenvolven a súa actividade seguindo criterios ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza), integrando estes principios na toma de decisións e na planificación estratéxica.
A Memoria de Sostibilidade 2025 ofrece unha visión completa das accións realizadas durante o último exercicio e dos avances acadados en materia de sostibilidade, consolidando a aposta da organización por un crecemento responsable e sustentable.
A memoria xa está dispoñible para consulta na web de Galega de Economía Social, e permite afondar nas accións ambientais, sociais e de gobernanza desenvolvidas polas empresas do grupo, así como nos resultados acadados no marco do seu compromiso cunha economía máis inclusiva, sostible e xeradora de oportunidades.
Esta actuación enmárcase no proxecto “A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: Pancas para o mantemento do emprego e o fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa EFESO 2021-2027 e impulsado por CEPES.