COGAMI Empresarial reforza alianzas no encontro de economía social organizado por CEGASAL no CEGADI

COGAMI Empresarial reforza alianzas no encontro de economía social organizado por CEGASAL no CEGADI

COGAMI Empresarial participou na xornada “As sinerxías nos sectores específicos da economía social”, organizada por CEGASAL no CEGADI, un encontro concibido como un espazo de intercambio, networking e xeración de sinerxías entre entidades da economía social de Galicia.

Nesta cita estiveron presentes diversas empresas de COGAMI Empresarial, entre elas Combina Social, Grafinco, Hornos de Lamastelle, Galega de Economía Social, Cualicar e Trameve, que tiveron a oportunidade de dar a coñecer os seus bens e servizos e explorar posibles vías de colaboración con outros Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social.

A xornada estruturouse en distintos espazos deseñados para favorecer a participación activa: unha zona de expositores, na que cada entidade presentou a súa actividade, e un espazo de networking que facilitou o contacto directo entre profesionais e organizacións do sector. Ademais, as persoas asistentes puideron repoñer forzas grazas ao servizo de catering ofrecido polo CEEIS ERIT Itínera.

Desde COGAMI Empresarial destacamos a importancia deste tipo de iniciativas, que contribúen a fortalecer alianzas, visibilizar o traballo das empresas da economía social e avanzar cara a un modelo económico máis inclusivo e sostible, no que o emprego de calidade para as persoas con discapacidade ocupa un papel central.

Ademais, a xornada reuniu a numerosas entidades da economía social, favorecendo o intercambio de coñecemento e a creación de novas relacións profesionais con organizacións como Sevilar, Trébore, Andaina PSM Emprego, Hospitalarias Galicia, Viveiros Valadares, ILUNION, Ámbar Acción Social, Máis Porvir Xestión Social e ERIT.

Esta actividade desenvolveuse no marco do programa de actuación 2025–2026 da Rede Eusumo – Economía Social de Galicia, reforzando o compromiso común coa promoción da economía social e do emprego inclusivo.