O grupo COGAMI Empresarial reafirma un ano máis o seu compromiso coa sostibilidade ambiental mediante o cálculo da pegada de carbono das súas empresas. Recentemente, as distintas unidades empresariais recibiron a resolución de inscrición no Rexistro de Pegada de Carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) correspondente ao ano de cálculo 2024, consolidando así unha liña de traballo iniciada hai varios exercicios.
A medición da pegada de carbono constitúe unha ferramenta fundamental para coñecer, avaliar e mellorar o impacto ambiental da actividade empresarial. Este proceso, que xa deu comezo tamén para o exercicio 2025, permite identificar oportunidades de mellora, avanzar nunha xestión enerxética máis eficiente e aliñar a actividade das empresas cos principios de responsabilidade ambiental promovidos por COGAMI.
Certificación na categoría “Calcula”
A maioría das empresas do grupo foron certificadas na categoría “Calcula”, a primeira das tres fases establecidas polo rexistro oficial (Calcula, Reduce, Compensa). Nun contexto marcado polo crecemento da actividade e, en consecuencia, polo incremento do consumo enerxético ou do uso de flotas, a prioridade céntrase en medir con rigor para poder establecer estratexias realistas de redución.
Aínda así, xa se observan avances significativos en determinados ámbitos, que evidencian unha mellora progresiva no desempeño ambiental das empresas.
Avances destacados: TRAMEVE e ACCEDE
Entre os casos máis salientables atópase TRAMEVE, dedicada ao tratamento de vehículos fóra de uso, que logrou reducir o seu consumo eléctrico nun 18,7 % grazas á instalación de lucernarios na planta, optimizando o aproveitamento da luz natural e diminuíndo o uso de iluminación artificial.
Pola súa parte, ACCEDE, empresa de transporte adaptado, presenta unha evolución moi positiva nas súas emisións totais, cunha redución acumulada do 24,2 % en dous anos. Esta mellora foi posible grazas á optimización de rutas e á renovación progresiva da frota, contribuíndo así a un modelo de mobilidade máis eficiente e sostible.
Medir para mellorar
Estas actuacións aliñanse coa Política de Sostibilidade Ambiental de COGAMI, aprobada en 2024, que establece como principio clave a medición do impacto ambiental como base para a mellora continua. O cálculo da pegada de carbono non é un fin en si mesmo, senón unha ferramenta estratéxica para avanzar cara a un modelo empresarial máis responsable, eficiente e comprometido co medio ambiente.
Ademais, esta liña de traballo enmárcase no proxecto «A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: Pancadas para o mantemento do emprego e fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial», cofinanciado polo FSE+ no marco do Programa EFESO 2021-2027, reforzando así a aposta por integrar sustentabilidade e emprego nun mesmo modelo empresarial.