O emprego continúa a ser a principal ferramenta para favorecer a inclusión social e a participación activa das persoas con discapacidade. Con esta premisa, COGAMI Empresarial pechou o ano 2025 cun total de 763 persoas traballadoras nas súas dez unidades de negocio, consolidando un modelo empresarial que combina competitividade, sostibilidade e compromiso social.
Do total de persoas empregadas, o 85,19 % teñen discapacidade, unha porcentaxe que supera amplamente os requisitos establecidos para os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e que evidencia a aposta de COGAMI Empresarial pola creación de oportunidades laborais estables e de calidade para aquelas persoas que atopan maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo.
A actividade do Grupo Empresarial desenvólvese a través de dez empresas e 21 centros de traballo distribuídos por Galicia, operando en sectores tan diversos como a xestión de residuos, o transporte adaptado, os servizos auxiliares, a xardinería, a alimentación, as artes gráficas ou o retail téxtil. Esta diversificación permite xerar emprego inclusivo en ámbitos profesionais moi diferentes, adaptándose aos perfís e capacidades das persoas traballadoras.
Entre os datos máis significativos do exercicio destaca tamén que catro de cada dez persoas traballadoras con discapacidade teñen máis de 50 anos, un colectivo que adoita afrontar maiores barreiras para acceder ou manterse no emprego. Esta realidade reforza o valor social do labor desenvolvido por COGAMI Empresarial, contribuíndo á igualdade de oportunidades e á inclusión laboral de persoas con especiais dificultades de inserción.
Ademais da creación de emprego, o Grupo continúa avanzando nun modelo centrado nas persoas, promovendo medidas que favorecen o benestar laboral, a igualdade de oportunidades, a formación continua e o desenvolvemento profesional. Un enfoque que sitúa ás persoas no centro da actividade empresarial e que forma parte da identidade de COGAMI Empresarial desde a súa creación.
Estas cifras, recollidas na Memoria de Sostibilidade 2025, reflicten a capacidade de COGAMI Empresarial para xerar impacto social positivo a través da actividade económica, contribuíndo ao desenvolvemento sostible de Galicia e demostrando que é posible construír empresas competitivas sen renunciar ao compromiso coa inclusión.