COGAMI participa en dúas feiras de emprego da Universidade da Coruña para achegarse a novos perfís profesionais

A entidade estará presente en IMPULSA-T, en A Coruña, e en FESTALENT, en Ferrol, co obxectivo de dar a coñecer as oportunidades profesionais que ofrece e contactar con persoas interesadas en desenvolver a súa carreira na organización.

COGAMI participa hoxe na II Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego IMPULSA-T, organizada no marco da Universidade da Coruña, cun espazo no que dá a coñecer a actividade da entidade como empregadora e entra en contacto con persoas interesadas en formar parte do seu equipo.

A feira celébrase no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña, en A Coruña, en horario ininterrompido de 10:00 a 18:00 horas. A través desta participación, COGAMI busca achegarse a novos perfís profesionais e dar a coñecer a diversidade de ámbitos nos que desenvolve a súa actividade.

A captación de talento abrangue diferentes áreas, entre elas as artes gráficas, o medio ambiente, a alimentación, o téxtil e o transporte, así como a docencia e a orientación laboral. Tamén se buscan perfís vinculados aos ámbitos sociosanitario e sanitario, como Terapia Ocupacional, Traballo Social, Educación Social, Psicoloxía, Fisioterapia, Logopedia e Enfermaría, ademais de persoal gerocultor, entre outros.

Próxima cita en Ferrol, o 29 de outubro

A participación de COGAMI nas feiras de emprego continuará o próximo xoves, 29 de outubro, coa asistencia á IV edición de FESTALENT, organizada no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña.

O encontro desenvolverase no Pavillón Municipal de Esteiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas. Será unha nova oportunidade para presentar COGAMI como entidade empregadora, informar sobre os seus ámbitos de actividade e establecer contacto con persoas interesadas en desenvolver a súa traxectoria profesional na organización.

Con esta presenza nas dúas citas universitarias, COGAMI busca ampliar o contacto con persoas candidatas de diferentes perfís e facilitar que coñezan as posibilidades profesionais vinculadas á actividade da entidade.

Galería de imaxes

Todas