COGAMI pecha a súa participación nas feiras de emprego da Universidade da Coruña cunha boa acollida por parte do público

A entidade estivo presente en IMPULSA-T, na Coruña, e en FESTALENT, en Ferrol, para dar a coñecer os seus ámbitos de actividade e achegarse a persoas interesadas en incorporarse ao seu equipo.

COGAMI completou a súa participación nas dúas feiras de emprego organizadas pola Universidade da Coruña, dous encontros que lle permitiron dar a coñecer a Organización como entidade empregadora e establecer contacto con persoas interesadas en desenvolver a súa carreira profesional nos diferentes ámbitos nos que traballa.

A primeira cita foi a II Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego IMPULSA-T, celebrada o 22 de outubro no Campus de Elviña, na Coruña. A participación continuou o xoves 29 de outubro coa IV edición de FESTALENT, no Campus Industrial de Ferrol.

En ambas as convocatorias, o espazo de COGAMI rexistrou unha boa participación de persoas que se achegaron para coñecer de primeira man a actividade da entidade, os seus equipos de traballo e as oportunidades profesionais que ofrece.

Durante os encontros, as persoas visitantes puideron informarse sobre os distintos perfís profesionais que demanda a Organización, vinculados a ámbitos tan diversos como as artes gráficas, o medio ambiente, a alimentación, o téxtil, o transporte, a docencia, a orientación laboral e os servizos sociosanitarios, entre outros.

A participación nas feiras tamén incluíu unha dinámica para achegarse á Organización dun xeito máis lúdico, na que as persoas visitantes podían entregar o seu currículo e participar nunha ruleta con agasallos de merchandising de COGAMI.

Unha sorpresa con sabor a Hornos de Lamastelle

A participación en FESTALENT contou tamén cun agasallo especial. Hornos de Lamastelle, empresa de COGAMI Empresarial, realizou unha doazón de produtos que se sortearon como sorpresa entre as persoas participantes.

Unha das persoas premiadas foi unha profesora da facultade que se achegara ao posto de COGAMI acompañada do seu alumnado. Ao recibir a tarta, comentou que a compartiría coas e cos estudantes que a acompañaban, convertendo o agasallo nun momento especial da xornada.

Con esta participación nas feiras IMPULSA-T e FESTALENT, COGAMI continúa achegando a súa actividade ao ámbito universitario, dando visibilidade á diversidade de perfís profesionais que forman parte da Organización e abrindo novas vías de contacto con persoas interesadas en incorporarse ao seu equipo.

Galería de imaxes

Todas