Combina Social: acompañando ás empresas cara a unha inclusión con impacto

Construír empresas máis inclusivas require coñecemento, compromiso e acompañamento. Con esa finalidade traballa Combina Social, a empresa de COGAMI Empresarial especializada na prestación de servizos externalizados e no asesoramento ás organizacións para incorporar a responsabilidade social e a inclusión das persoas con discapacidade na súa actividade.

Durante 2025, a empresa consolidou o seu crecemento ata alcanzar un equipo formado por 200 persoas traballadoras, tres máis que no exercicio anterior, converténdose na empresa con maior cadro de persoal de COGAMI Empresarial.

Un dos fitos máis destacados do ano foi o inicio da prestación dos servizos de contratación pública adxudicados a finais de 2024, unha nova liña de actividade que permitiu incorporar profesionais en distintos centros de traballo de Galicia e ampliar a presenza da empresa no ámbito dos servizos externalizados.

Co obxectivo de seguir medrando no sector privado, Combina Social impulsou tamén un novo Plan Comercial, reforzando a colaboración co tecido empresarial e establecendo novas vías de contacto con asesorías profesionais como entidades prescritoras. Esta estratexia busca achegar ás empresas solucións adaptadas ás súas necesidades, promovendo ao mesmo tempo modelos de xestión máis responsables e inclusivos.

Durante o exercicio, a empresa continuou desenvolvendo accións de divulgación da Lei Xeral de Discapacidade (LGD) e das medidas alternativas ao seu cumprimento, participando en encontros e xornadas empresariais para achegar información e asesoramento ás organizacións interesadas en avanzar na inclusión laboral das persoas con discapacidade.

A innovación tamén ocupou un lugar destacado durante 2025. O equipo participou en accións formativas sobre Intelixencia Artificial, incorporando novos coñecementos para mellorar os procesos internos e continuar avanzando na transformación dixital da empresa.

A aposta pola mellora continua completouse coa renovación da certificación ISO 9001, que acredita a calidade na prestación dos servizos e reforza o compromiso de Combina Social coa excelencia, a innovación e a satisfacción da súa clientela.

Como empresa de COGAMI Empresarial, Combina Social continúa demostrando que a competitividade empresarial e a inclusión social poden avanzar da man, creando oportunidades para as persoas e xerando valor para empresas, administracións públicas e sociedade.

Galería de imaxes

Todas