Combina Social impulsa unha campaña de sensibilización para promover a igualdade no ámbito laboral

Combina Social, empresa de COGAMI Empresarial, pon en marcha unha nova campaña de sensibilización baixo o lema «En COMBINA, igualdade. Todas as persoas CONTAN», unha iniciativa enmarcada no seu Plan de Igualdade coa que busca reforzar o compromiso coa igualdade de oportunidades e promover unha contorna laboral máis igualitaria, inclusiva e respectuosa.

A campaña sitúa as persoas no centro da comunicación, dando protagonismo ás propias persoas traballadoras de Combina Social, que poñen rostro ás diferentes mensaxes de sensibilización. A través da súa participación, a empresa busca transmitir a importancia de construír espazos de traballo nos que todas as persoas sexan valoradas, respectadas e teñan as mesmas oportunidades.

Baixo a premisa de que a igualdade se constrúe cada día e comeza polas persoas, a iniciativa pretende fomentar a reflexión sobre a importancia de incorporar este principio á actividade cotiá e ás relacións laborais, máis alá das declaracións de intencións.

Durante o mes de novembro, Combina Social compartiu nas súas redes sociais cinco publicacións: unha de presentación da campaña e outras catro centradas en diferentes lemas que convidaron a reflexionar sobre a igualdade e a seguir avanzando cara a unha cultura organizativa baseada no respecto, na inclusión e na igualdade de oportunidades.

Esta acción forma parte do compromiso de Combina Social coa creación de oportunidades laborais para as persoas con discapacidade e coa promoción de contornas de traballo nas que se recoñeza o valor e a contribución de cada persoa.

Coa campaña «En COMBINA, igualdade. Todas as persoas CONTAN», Combina Social reafirma a súa aposta por unha igualdade que non quede só nas palabras, senón que se traduza en actitudes e prácticas presentes no día a día do seu equipo de traballo.

Galería de imaxes

Todas