O emprego é unha ferramenta fundamental para promover a autonomía, a inclusión e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. Esta foi unha das principais mensaxes trasladadas por Raquel Alvite, xerente de Combina Social, durante a súa participación no programa "Un Café con Eva", de Radio Voz.
Ao longo da entrevista, Alvite explicou o labor que desenvolve Combina Social, Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social de COGAMI Empresarial, que na actualidade conta cun equipo formado por arredor de 220 persoas traballadoras en toda Galicia, das que o 91 % teñen unha discapacidade e o 52 % son mulleres.
"O noso principal obxectivo é crear oportunidades de emprego para persoas con discapacidade", destacou Alvite, quen explicou que arredor do 40 % da actividade de Combina Social desenvólvese para administracións públicas, mentres que o resto corresponde a empresas privadas, o que evidencia a confianza crecente de entidades públicas e do tecido empresarial no seu modelo de traballo.
A xerente puxo tamén o foco na necesidade de seguir avanzando na eliminación dos estereotipos que aínda existen arredor da discapacidade.
"Avanzouse moito, especialmente no ámbito lexislativo, pero aínda quedan prexuízos que superar."
Neste sentido, lembrou a importancia da contratación inclusiva e do cumprimento da Lei Xeral de Discapacidade, que establece medidas para favorecer o acceso ao emprego das persoas con discapacidade tanto nas empresas como nas administracións públicas.
Durante a conversa, Alvite incidiu en que en Combina Social o traballo adáptase ás capacidades das persoas, e non ao contrario, favorecendo que cada profesional poida desenvolver o seu potencial nun contorno laboral accesible e inclusivo.
Ademais, destacou que o emprego pode representar unha nova oportunidade para persoas que, tras unha enfermidade, un accidente ou un cambio nas súas circunstancias persoais, necesitan reorientar a súa traxectoria profesional.
"Hai persoas que levan vinte anos desempeñando un oficio e, de súpeto, teñen que reinventarse. Neses momentos, contar cunha oportunidade laboral e co acompañamento axeitado resulta fundamental."
Precisamente, un dos elementos diferenciais de Combina Social é o apoio que reciben as persoas traballadoras desde o primeiro momento da súa incorporación.
A través da Unidade de Apoio á Actividade Profesional, cada persoa conta cun seguimento individualizado orientado a facilitar a súa adaptación ao posto de traballo, potenciar o seu desenvolvemento profesional e dar resposta ás necesidades que poidan xurdir. Este acompañamento complétase co respaldo do equipo interdisciplinar de COGAMI, ofrecendo unha atención integral que favorece a estabilidade laboral e o benestar das persoas.
Con máis de dúas décadas de experiencia, Combina Social continúa demostrando que o emprego inclusivo non só mellora a vida das persoas con discapacidade, senón que tamén achega valor ás empresas e contribúe á construción dunha sociedade máis xusta, diversa e comprometida coa igualdade de oportunidades.
Queres escoitar a entrevista completa?
Descubre a conversa de Raquel Alvite no programa Un Café con Eva, de Radio Voz, na que aborda o papel de Combina Social na creación de emprego inclusivo e na eliminación de estereotipos sobre a discapacidade.