Coregal e o Concello de Santiago consolidan o incremento da recollida porta a porta de cartón comercial grazas á sensibilización e á implicación do comercio local

Coregal e o Concello de Santiago consolidan o incremento da recollida porta a porta de cartón comercial grazas á sensibilización e á implicación do comercio local

A colaboración entre Coregal e o Concello de Santiago de Compostela continúa a dar resultados positivos na mellora da recollida selectiva de cartón, cun incremento sostido das cantidades xestionadas a través deste servizo nos últimos cinco anos.

Neste período, a recollida porta a porta experimentou un crecemento moi significativo, pasando de 246,31 toneladas no ano 2021 a 606,52 toneladas no ano 2025, o que supón máis do dobre de material recollido. Esta evolución reflicte unha maior implicación da cidadanía e, especialmente, do tecido empresarial e do comercio local, froito dunha concienciación crecente arredor dos hábitos de reciclaxe e do impacto positivo das campañas de sensibilización desenvolvidas.

Este incremento vén acompañado dun aumento progresivo dos establecementos adheridos ao servizo. Así, dos arredor dun centenar de locais comerciais que no ano 2021 facían uso do porta a porta, pasouse na actualidade a case 500 establecementos adheridos. Este avance está directamente relacionado co traballo de información e acompañamento realizado por Coregal no tecido comercial da cidade, que incluíu neste último ano arredor de 1.000 visitas de sensibilización durante os meses de novembro e decembro, no marco da campaña impulsada en colaboración co Concello de Santiago. Como resultado destas accións, formalizáronse preto de 200 novas adhesións, o que contribuirá a seguir mellorando as cantidades totais de cartón comercial xestionadas e a optimizar o funcionamento do servizo.

Ademais, ao longo destes anos, Coregal levou a cabo unha ampliación das zonas nas que se presta o servizo, incorporando novas rúas tanto na zona norte como na sur da cidade, o que permitiu aumentar a cobertura do porta a porta e facilitar o acceso ao servizo ao pequeno comercio en máis áreas de Santiago de Compostela.

Desde Coregal e o Concello de Santiago valórase moi positivamente a boa acollida da campaña, que demostra que a combinación de información, proximidade e acompañamento aos establecementos é clave para avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente, sostible e comprometido coa economía circular.