COREGAL e TRAMEVE reciben a visita da entidade francesa LADAPT no marco do programa Erasmus+

As empresas de COGAMI Empresarial COREGAL e TRAMEVE foron protagonistas da visita dunha delegación da entidade francesa LADAPT, unha organización de referencia na inserción social e profesional das persoas con discapacidade en Francia.

A visita, enmarcada no programa Erasmus+ de mobilidade, permitiu ao grupo coñecer de primeira man o traballo que desenvolven ambas empresas, cun modelo que combina a inclusión laboral co impulso da economía circular. Tanto COREGAL como TRAMEVE desenvolven a súa actividade arredor da xestión, reutilización e valorización de materiais, contribuíndo á sostibilidade ambiental ao tempo que xeran emprego de calidade para persoas con discapacidade.

Durante as xornadas, as persoas participantes interesáronse polos procesos produtivos, a organización dos equipos e as medidas de apoio que se aplican nos centros especiais de emprego, valorando especialmente o impacto social e ambiental destas iniciativas.

Ademais das visitas a COREGAL e TRAMEVE, a delegación de LADAPT tamén tivo a oportunidade de coñecer outros recursos de COGAMI, como centros de atención diúrno-terapéutica e proxectos innovadores de intervención, o que lles permitiu obter unha visión máis ampla do modelo de atención integral da entidade.

Este tipo de encontros permiten dar visibilidade ao labor desenvolvido por COGAMI Empresarial, ao tempo que favorecen o intercambio de coñecementos, metodoloxías e boas prácticas entre entidades de distintos países. Unha colaboración que contribúe a seguir avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva e sostible.

Galería de imaxes

Todas