A ecoplanta de Coregal en Santiago foi escenario da visita do comité de Reciclado de CEPI e ASPAPEL, no marco da súa reunión anual celebrada na capital galega. O encontro supuxo unha oportunidade para compartir experiencias e boas prácticas no ámbito da reciclaxe e da xestión de residuos a nivel europeo.
Durante a xornada, o equipo de Coregal presentou o seu modelo de traballo como centro especial de emprego de iniciativa social, destacando a súa contribución á creación de emprego para persoas con discapacidade e o seu compromiso coa inclusión laboral. Así mesmo, déronse a coñecer os procesos de recollida, clasificación e tratamento de residuos que se desenvolven na ecoplanta, cun enfoque centrado na eficiencia, a calidade do servizo e o respecto polo medio ambiente.
CEPI (Confederation of European Paper Industries) representa á industria papeleira europea, mentres que ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón) agrupa ás principais empresas do sector en España. O seu comité de Reciclado constitúe un foro estratéxico para abordar os retos actuais da reciclaxe de papel e cartón e avanzar cara a modelos baseados na economía circular.
Para Coregal, integrada en COGAMI Empresarial, esta visita reforza o seu papel como referente na xestión sostible de residuos en Galicia, demostrando que é posible combinar actividade empresarial, impacto social e compromiso ambiental nun mesmo proxecto.