A empresa de COGAMI Empresarial xestionou máis de 3.021 toneladas de residuos no primeiro ano de prestación do servizo para a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, das que o 59,16% eran susceptibles de valorización.
Coregal, empresa de COGAMI Empresarial especializada na xestión de residuos, valorizou o 59,16% dos residuos voluminosos xestionados durante o primeiro ano de prestación do servizo para a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Desde o seu inicio en xuño de 2025, a actividade permitiu xestionar un total de 3.021.850 quilos de residuos, dos que unha parte importante puido recuperarse para darlle unha nova utilidade aos materiais.
A madeira foi a principal fracción valorizable, cun 48,05% do total xestionado, seguida dos metais, cun 3,98%; dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), cun 3,93%; e dos plásticos, cun 3,20%. Estes resultados reflicten a importancia dunha correcta clasificación e tratamento dos residuos para favorecer a súa recuperación e reducir a cantidade destinada á eliminación.
Coregal presta este servizo para a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada polos municipios de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.
Na análise por concellos, Ferrol, Narón e Fene son os que xestionan un maior volume de residuos voluminosos, en consonancia coa súa maior poboación. Pola súa banda, Cabanas, Neda e Valdoviño destacan polo maior índice de residuos por habitante.
Os resultados deste primeiro ano permiten avanzar cara a un modelo de xestión máis eficiente e sostible, no que a recuperación dos materiais contribúe a aproveitar mellor os recursos e a diminuír o impacto ambiental asociado á produción de novos materiais.
A valorización dos residuos permite prolongar a vida útil dos materiais e favorecer a súa reincorporación aos procesos produtivos, reducindo a necesidade de empregar materias primas virxes e contribuíndo á conservación dos recursos naturais.
A actividade de Coregal neste servizo pon de relevo o papel da xestión especializada dos residuos na transición cara á economía circular, un modelo no que a prevención, a recuperación e o aproveitamento dos materiais son fundamentais para construír unha sociedade máis sostible.