Cualicar entrega un vehículo adaptado á asociación Agora para facilitar a mobilidade accesible

A mobilidade accesible é un elemento fundamental para favorecer a autonomía e a participación das persoas con discapacidade. Neste ámbito, Cualicar, empresa de COGAMI Empresarial dedicada á venda de vehículos seminovos, ofrece tamén un servizo especializado de adaptación e homologación de vehículos que permite responder ás necesidades de persoas, entidades e organizacións que precisan solucións de mobilidade accesible.

Un exemplo deste servizo é a entrega realizada o pasado venres á asociación Agora, entidade pertencente ao movemento asociativo de COGAMI. Para esta ocasión, Cualicar levou a cabo a adaptación e homologación dunha Volkswagen Caddy Maxi, configurándoa para o transporte dunha persoa usuaria de cadeira de rodas.

O vehículo, con capacidade orixinal para sete prazas, quedou configurado con cinco prazas máis un espazo para cadeira de rodas, garantindo a accesibilidade, a seguridade e o confort das persoas usuarias nos seus desprazamentos.

A entrega realizouse en Monforte de Lemos e foi recollida por Mario Díaz, vicepresidente da asociación Agora, quen destacou a utilidade deste novo recurso para a entidade.

"Este vehículo facilitaranos os desprazamentos das persoas usuarias e permitirá ofrecer un servizo máis accesible e adaptado ás súas necesidades."

A adaptación de vehículos constitúe un dos servizos especializados que Cualicar pon á disposición de entidades, empresas e particulares. Cada proxecto desenvólvese de maneira personalizada, atendendo ás necesidades específicas de cada cliente e cumprindo todos os requisitos técnicos e de homologación establecidos pola normativa vixente.

Desde Cualicar salientan que cada vehículo adaptado representa unha solución pensada para mellorar a autonomía das persoas.

"Cada adaptación é única porque cada persoa e cada entidade teñen necesidades diferentes. O noso obxectivo é ofrecer solucións que faciliten a mobilidade, favorezan a autonomía e melloren a calidade de vida das persoas."

Esta actuación exemplifica o compromiso de Cualicar por ampliar os seus servizos máis alá da venda de vehículos seminovos, achegando solucións de mobilidade accesible que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas e a apoiar o labor que desenvolven entidades como Agora.

Galería de imaxes

Todas