A empresa Dixardín será a encargada de desenvolver o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais do Concello de Ames, un contrato que supón un novo impulso á Economía Social e á inclusión laboral das persoas con discapacidade.
O proxecto, presentado este 20 de maio no campo da festa da parroquia de Ortoño, permitirá actuar nas 11 parroquias do municipio e en 107 núcleos rurais, desenvolvendo tarefas de limpeza, conservación e mantemento de accesos, espazos públicos e contornos de titularidade municipal.
O contrato será executado por Dixardín, empresa do Grupo COGAMI especializada en servizos ambientais e mantemento de zonas verdes, reafirmando así a confianza do Concello de Ames nos centros especiais de emprego de iniciativa social.
Durante o acto de presentación, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, destacou “o compromiso do Concello de Ames cos centros especiais de emprego e coa visibilidade das persoas con discapacidade”. Ademais, lembrou que “o principal obxectivo de COGAMI sempre foi crear oportunidades laborais estables e de calidade para as persoas con discapacidade”.
Pola súa banda, o director xeral do grupo empresarial de COGAMI, Víctor Silva, puxo en valor “a aposta decidida do Concello de Ames pola Economía Social” e salientou a importancia de que as administracións públicas impulsen contratacións con impacto social. “Non somos simplemente provedores de servizos; somos entidades comprometidas co territorio e co benestar da veciñanza”, indicou.
Este novo servizo permitirá crear e consolidar emprego inclusivo no ámbito rural, cun equipo formado inicialmente por tres persoas traballando de maneira simultánea durante boa parte do ano, reforzándose nos meses de maior actividade.
Desde Dixardín e COGAMI Empresarial destácase que este tipo de contratos demostran que é posible combinar a prestación de servizos de calidade coa xeración de emprego para persoas con discapacidade, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e socialmente responsable dos concellos.
A colaboración co Concello de Ames consolida unha relación baseada na confianza e na aposta compartida por un modelo económico máis inclusivo, sostible e comprometido coas persoas.