A solidariedade tamén se constrúe a través da colaboración entre entidades e empresas comprometidas co seu contorno. Con esta filosofía, Hornos de Lamastelle, empresa pertencente a COGAMI Empresarial, participou un ano máis na marcha solidaria CaminEMos, organizada pola Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), colaborando no avituallamento das persoas participantes.
Xunto con Gadis, Hornos de Lamastelle contribuíu á celebración desta iniciativa mediante a achega das tradicionais empanadas que se ofreceron ao remate do percorrido, un xesto que cada ano forma parte desta cita solidaria e que pon de manifesto o compromiso da empresa co movemento asociativo e coas causas sociais.
A marcha CaminEMos reuniu nesta edición a 130 persoas no paseo marítimo do Burgo, en Culleredo, co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a realidade da esclerose múltiple e dar visibilidade ás necesidades das persoas que conviven con esta enfermidade.
Para Hornos de Lamastelle, colaborar con iniciativas como esta significa contribuír activamente á construción dunha sociedade máis inclusiva e solidaria, apoiando o labor que desenvolven entidades como ACEM na atención, acompañamento e defensa dos dereitos das persoas con esclerose múltiple e das súas familias.
Esta colaboración consolídase ano tras ano como unha mostra do compromiso social da empresa, que entende a responsabilidade social como un valor presente tanto na súa actividade diaria como na súa implicación co tecido asociativo e coa comunidade.