Hornos de Lamastelle leva as súas empanadas ao Festival de la Luz, que este ano destina a súa recadación a COGAMI

A música, a solidariedade e a gastronomía galega déronse cita esta fin de semana no Festival de la Luz, celebrado os días 28, 29 e 30 de agosto, nunha edición moi especial ao cumprir o evento o seu 15º aniversario. Unha cita que, ademais, tivo este ano un significado especial para COGAMI, xa que a recadación do festival se destinará á entidade para contribuír ao impulso dos programas e servizos que favorecen a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade.

Durante o festival, COGAMI contou cun posto informativo no que as persoas asistentes puideron coñecer máis de preto o traballo da entidade e atopar diferentes artigos de merchandising, como panos, parasois, chapas e pulseiras. Neste espazo, o sábado pola mañá Hornos de Lamastelle protagonizou unha degustación gratuíta das súas empanadas, unha iniciativa que espertou unha gran acollida entre o público, permitindo ás persoas asistentes coñecer e probar de primeira man este produto elaborados por Hornos de Lamastelle.

Un festival con compromiso social

O Festival de la Luz, promovido pola artista galega Luz Casal, converteu a solidariedade nun dos sinais de identidade da súa traxectoria. Ao longo das súas edicións, o evento superou xa o millón de euros destinados a diferentes entidades e causas sociais, consolidando a súa dimensión solidaria como unha das principais características desta cita.

Nesta 15ª edición, a recadación destinarase a COGAMI, contribuíndo ao desenvolvemento dos programas e servizos que a entidade impulsa para mellorar a autonomía persoal, a participación social e a inclusión das persoas con discapacidade.

A presenza de Hornos de Lamastelle nesta celebración permitiu achegar os seus produtos a un público diverso e participar activamente nunha iniciativa que combina música, cultura, ocio, territorio e compromiso social.

A boa acollida da degustación puxo tamén de manifesto o interese que espertan os produtos de Hornos de Lamastelle, unha empresa que combina tradición e innovación na elaboración dos seus produtos de alimentación e que continúa apostando pola calidade e pola mellora dos seus procesos.

A participación no Festival de la Luz supón así unha nova oportunidade para dar visibilidade ao traballo de Hornos de Lamastelle e achegar a súa proposta gastronómica a diferentes públicos, ao tempo que se contribúe á difusión do labor de COGAMI e do seu compromiso coa inclusión social.

Galería de imaxes

Todas