Naiara Goicoechea, directora da Área Laboral de COGAMI Empresarial e adxunta á Dirección, participou na xornada «Inclusión laboral e xestión da diversidade», organizada pola Facultade de Ciencias do Traballo do campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), un encontro destinado a achegar ao alumnado á realidade da orientación e inserción laboral das persoas con discapacidade.
Como antiga alumna desta facultade, Naiara regresou ao centro universitario para compartir a súa experiencia persoal, participando nun espazo de diálogo no que se abordaron diferentes perspectivas sobre o acceso ao emprego, a diversidade e a inclusión no ámbito laboral.
A xornada, desenvolvida baixo o formato de mesa redonda e co título «Da orientación ao emprego: experiencias en primeira persoa», reuniu representantes de entidades de orientación laboral, persoas usuarias dos seus servizos e profesionais vinculadas ao ámbito empresarial. O obxectivo foi ofrecer ao alumnado unha visión próxima da realidade da inclusión laboral das persoas con discapacidade e dar a coñecer este ámbito como unha posible saída profesional.
No encontro tamén participou María Aneiros Loureiro, coordinadora da oficina de COGAMI en Ferrol, quen presentou o labor do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, achegando ao alumnado información sobre os apoios e recursos que ofrece a entidade para favorecer o acceso ao emprego das persoas con discapacidade.
A participación nesta iniciativa permitiu compartir experiencias e achegar ao ámbito universitario a importancia de promover contornas laborais inclusivas, nas que a diversidade sexa recoñecida e as persoas con discapacidade poidan desenvolver as súas capacidades e oportunidades profesionais en igualdade de condicións.