O Delegado do Goberno visita Coregal e reforza o compromiso coa economía social como motor de inclusión e desenvolvemento

COGAMI Empresarial puxo en valor o papel das iniciativas empresariais de economía social durante a visita institucional do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ás instalacións de Coregal en Santiago de Compostela, nun encontro no que tamén participou a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL).

A xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de CEGASAL, Mino Martínez, e o director xeral de COGAMI Empresarial, Víctor Silva, serviu para afondar no papel estratéxico da economía social en Galicia e no impacto positivo que xeran este tipo de iniciativas tanto no ámbito económico como social e ambiental.

Durante a xornada, Pedro Blanco destacou a relevancia da nova Lei Integral de Impulso da Economía Social, subliñando que supón un avance clave para o sector, especialmente no que respecta á súa regulación, ao reforzo da contratación pública reservada e á loita contra o intrusismo. Unha liña na que tamén incide CEGASAL, que vén reivindicando esta norma como unha oportunidade para fortalecer o modelo de centros especiais de emprego de iniciativa social e sen ánimo de lucro.

Desde COGAMI Empresarial, Víctor Silva incidiu na importancia de que este novo marco normativo contribúa a consolidar un modelo empresarial que “pon ás persoas no centro”, en coherencia co traballo que desenvolve o conxunto do sector da economía social. Así, destacou a necesidade de seguir avanzando nun ecosistema no que as iniciativas sen ánimo de lucro teñan un maior recoñecemento e apoio, favorecendo a creación de emprego de calidade para persoas con discapacidade e reforzando o seu impacto social.

A visita a Coregal permitiu coñecer de primeira man o traballo que desenvolve esta empresa de economía social, centrado na recollida, clasificación e tratamento de residuos baixo criterios de economía circular, contribuíndo á redución do impacto ambiental e á creación de oportunidades laborais para persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego.

COGAMI Empresarial e CEGASAL coinciden en sinalar que o impulso da economía social é clave para avanzar cara a un modelo económico máis inclusivo, sostible e comprometido co territorio, no que as persoas estean no centro e no que o valor social sexa un elemento esencial.

Galería de imaxes

Todas