17 de setembro: Día Mundial da Seguridade no Paciente

17 de setembro: Día Mundial da Seguridade no Paciente

O 17 de setembro conmemórase o Día Mundial da Seguridade no Paciente, unha data que pretende sensibilizar e fomentar a concienciación e participación da sociedade, ampliar os coñecementos en todo o mundo e fomentar a solidariedade e a adopción de medidas para promover a seguridade do paciente a nivel mundial.

A Organización Mundial da Saúde escolleu como tema deste ano Mellorar o diagnóstico para a seguridade do paciente, resaltando a importancia de realizar un diagnóstico correcto, incluíndo a información e comprensión sobre a patoloxía dende un enfoque multidimensional que axude ao persoal laboral sanitario a recomendar as mellores opcións terapéuticas e implicando a pacientes ao longo de todo o proceso. 

Dende COGAMI queremos aproveitar para resaltar a importancia das asociacións do ámbito sociosanitario porque exercen un labor informativo entre pacientes e o sistema de saúde de xeito bidireccional. A Confederación conta cunha Comisión Sociosanitaria integrada por 23 entidades representativas da discapacidade orgánica que contribúen activamente a asesorar ás persoas con algunha patoloxía sobre os recursos máis axeitados.

Outro dos compromisos da Comisión Sociosanitaria de COGAMI é que recolle as principais problemáticas do ámbito sanitario para trasladalas e traballalas co sistema de saúde, de cara á mellora do servizo.