30 de maio: as entidades AVEMPO, ALUCEM, ACEM SANTIAGO, ACEM CORUÑA e AODEMPER conmemoran o Día Mundial da Esclerose Múltiple

30 de maio: as entidades AVEMPO, ALUCEM, ACEM SANTIAGO, ACEM CORUÑA e AODEMPER conmemoran o Día Mundial da Esclerose Múltiple

O 30 de maio é o Día Mundial da Esclerose Múltiple, data que aproveitan as entidades que representan ás persoas con esta patoloxía e familias para visibilizar unha doenza que afecta a 4.000 persoas en Galicia, converténdoa na Comunidade Autónoma cunha prevalencia máis alta.

As entidades membro de COGAMI representativas da esclerose múltiple como son AVEMPO, ALUCEM, ACEM SANTIAGO, ACEM CORUÑA e AODEMPER teñen previsto para este día e vindeiros a organización de diferentes actos como a colocación de mesas informativas para concienciar e sensibilizar.

 

Carreira en Santiago

Acem Santiago aproveitou esta data para presentar tamén a VII Carreira-Andaina solidaria pola esclerose múltiple que se vai celebrar o domingo, 9 de xuño, ás 11 horas no Campus Sur e na Alameda de Santiago.

Ata o día 5 de xuño estará aberta a inscrición que se poderá facer online dende a páxina www.carreirasgalegas.com ou de xeito presencial na propia asociación.  Dende a entidade queren lembrarlle a aquelas persoas que non poidan acudir á Carreira-Andaina, poden contribuír solidariamente con ACEM a través do Dorsal 0. 

A Esclerose Múltiple é unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante e neurodexenerativa do sistema nervioso central que adoita diagnosticarse entre os 20 e 40 anos, e mesmo en menores de 18 anos.

Os síntomas máis habituais que presenta son a fatiga, problemas de visión, formigos, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos e problemas de equilibrio e coordinación. Moitos deles son ‘invisibles’ pero impactan directamente no traballo, na familia, nas relacións sociais e na calidade de vida das persoas afectadas.