A Alcaldesa de Mos visita a vivenda de transición cedida polo Concello a COGAMI

A Alcaldesa de Mos visita a vivenda de transición cedida polo Concello a COGAMI

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, visitaron a vivenda social propiedade do Concello situada en San Eleuterio que a Confederación está utilizando como vivenda de transición, onde persoas usuarias de COGAMI conviven durante seis meses.

Esta vivenda foi cedida á Confederación mediante un convenio co Concello, co fin de poder incluíla no proxecto RUMBO: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva. O obxectivo desta colaboración é a participación das dúas entidades neste proxecto piloto que proporciona un servizo de promoción de aloxamento inclusivo a través da investigación sobre a existencia de vivendas municipais accesibles, asesoramento e realización de formacións sobre accesibilidade universal.

Esta vivenda de transición está habilitada para que convivan nela un máximo de tres persoas ata o momento en que a persoa se sinta preparada para vivir de maneira autónoma ou atope vivenda propia. Estas instalacións veñen a sumarse ás que ten COGAMI no Rebullón, co que son dúas as vivendas de transición coas que conta.

O proxecto RUMBO é un proxecto piloto experimental que botou a andar durante este ano e a nivel nacional, no que participan entidades sociais procedentes de cinco Comunidades autónomas, sendo estas: COCEMFE, da que forma parte COGAMI, FEDACE, ASPACE, PREDIF e a Confederación Autismo España. A través deste programa preténdese implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal, mediante a combinación de servizos e recursos que permitan evitar a institucionalización e manter ás persoas con discapacidade na súa contorna, facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Este proxecto piloto está vinculado ao aos Fondos Next Generation da UE e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, desenvolvidos en 8 liñas de traballo como o servizo de adecuación e personalización da vivenda; o servizo de vivendas de transición á vida independente; o servizo de promoción de aloxamento inclusivo; a transformación de centros residenciais cara a recursos de apoio integral á vida independente; servizos sociosanitarios de proximidade;  servizo de apoio comunitario para a participación e promoción da cidadanía activa; creación dun novo catálogo de servizos de promoción da autonomía persoal e a transferencia de modelo de desinstitucionalización.