A área de Fortalecemento do Movemento Asociativo (FMA) de COGAMI encárgase de atender as necesidades das 55 asociacións e 4 federacións provinciais que forman parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. O seu obxectivo principal é fortalecer o tecido asociativo, acompañando ás entidades en todos aqueles aspectos que afectan tanto ao seu funcionamento interno como ás persoas con discapacidade que representan.
Entre as súas principais liñas de traballo destacan a información, orientación e asesoramento sobre recursos e servizos, a xestión da comunicación e presenza mediática das entidades, a organización de xornadas, cursos e programas formativos para o persoal técnico, así como a coordinación de subvencións, programas e trámites administrativos ante os rexistros oficiais. Ademais, o equipo tamén se encarga da xestión contable, fiscal e laboral, do apoio financeiro, de xestionar a organización de actividades de lecer e da reivindicación e sensibilización social do colectivo.
O equipo da área está formado por oito profesionais especializados na xestión dos servizos e na coordinación das catro federacións provinciais, traballando de maneira conxunta co resto das áreas da organización, como comunicación, proxectos, emprego, xurídica, promoción da autonomía persoal e xestión económica e de recursos humanos.
Na actualidade, COGAMI agrupa un total de 59 entidades, das cales 29 son de carácter sociosanitario, vinculadas a diferentes patoloxías orgánicas como coagulopatías, fibrose quística, enfermidades neuromusculares, esclerose múltiple, parkinson, enfermidades reumáticas, epilepsia, lupus ou transplantes, entre outras. Esta ampla representatividade converte a COGAMI na principal entidade do sector da discapacidade en Galicia.
Entre os principais retos de futuro, para FMA é necesario fomentar o relevo xeracional e a participación activa da base social, especialmente da mocidade, así como consolidar a profesionalización das entidades e garantir un financiamento estable e sostido, que non dependa exclusivamente das subvencións públicas.
Con estas accións, a área de Fortalecemento do Movemento Asociativo reafirma o seu compromiso con un movemento asociativo forte, cohesionado e transformador, capaz de seguir sendo motor de cambio social e de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade en Galicia.