A asociación ACADAR presenta unha guía sobre violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade

A asociación ACADAR presenta unha guía sobre violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade

A Asociación Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) presentou onte, 7 de maio, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, unha guía sobre Violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade.

A encargada de inaugurar o acto de presentación de esta guía foi a membro da xunta directiva da entidade, Laura Quintas e integrantes do equipo técnico de ACADAR. Ademais o evento contou coa participación de Roberto Barba, Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Financiada a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade, esta guía nace co obxectivo de poñer a disposición da sociedade un recurso para coñecer, previr, identificar e erradicar a violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade.

Dirixida principalmente ás mulleres e nenas con discapacidade e, por extensión, á súa contorna próxima como son familiares, amizades e profesionais de referencia, esta guía tamén pode resultar de interese para calquera outra persoa que non teña relación co ámbito da discapacidade.

Esta nova guía é a continuidade doutras guías inéditas anteriores a esta que elaborou a entidade como a de “Violencia contra as mulleres con discapacidade. Ver e recoñecer os sinais” e a guía “Violencia Sexual cara ás mulleres con discapacidade”.

A guía Violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade será subida á web da asociación ACADAR www.acadar.org, para que sexa de libre acceso para toda persoa que a queira consultar.