A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL), en colaboración coa Clínica C1Dema, desenvolverá durante os meses de novembro e decembro unha formación dirixida a profesionais sociosanitarios dos centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) pertencentes á Dirección Xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia.
Estas sesións teñen por obxectivo mellorar o coñecemento, a prevención e o tratamento da insuficiencia venosa crónica, unha patoloxía que aparece cando as válvulas venosas das pernas non funcionan de maneira axeitada ou cando existe unha obstrución da drenaxe venosa, dificultando o retorno do sangue ao corazón e provocando acumulación nas veas.
A insuficiencia venosa crónica é unha patoloxía crónica infratratada, cuxa prevalencia se estima entre o 50% e o 70% da poboación, cunha maior incidencia en mulleres (63-64%) que en homes (36-37%). O seu incremento está directamente relacionado co envellecemento da poboación, polo que resulta esencial avanzar na súa detección precoz e abordaxe terapéutica.
As sesións formativas impartiranse en horario de 11:00 a 12:00 horas, nas seguintes datas e centros. A primeira tivo lugar hoxe no CAPD de Redondela, onde se celebrará outra o día 18 de novembro. O resto das formacións levaranse a cabo no CAPD de Sarria o 11 de novembro; no CAPD de A Coruña o 25 de novembro e no CAPD Ourense a formación será o 2 de decembro.
A traballadora social de AGL, María Araújo Rey, e o director e fisioterapeuta da Clínica C1Dema de Vigo, Román Rodríguez Cid, serán as persoas encargadas da formación que ten por obxectivos: dar a coñecer a patoloxía nas diferentes áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde; fomentar a coordinación e o intercambio de información entre profesionais dos CAPD; formar e informar ás persoas que coidan doutras con discapacidade e con esta patoloxía e mellorar a situación de saúde e calidade de vida das persoas afectadas.
Esta acción enmárcase dentro das actividades de sensibilización e formación que AGL promove para dar visibilidade ás patoloxías vasculares periféricas e contribuír á mellora da atención sociosanitaria en Galicia.