A Asociación AGORA mellora a accesibilidade no seu Centro de Atención Diúrna coa reforma dun aseo adaptado

A obra, financiada cos fondos do IRPF que xestiona a Xunta de Galicia, busca reforzar a autonomía e seguridade das persoas con discapacidade da comarca de Lemos.                                                                                                                                          

Co obxectivo de mellorar as instalacións e avanzar cara a unha accesibilidade universal, a Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos vén de rematar a reforma dun dos aseos do seu centro de atención diúrna. A actuación busca garantir a autonomía, seguridade e comodidade de todas as persoas usuarias.

O novo espazo conta cun lavabo e un inodoro regulables en altura, que permiten adaptarse ás necesidades específicas de cada persoa. Tamén se incorporou unha padiola abatible que facilita o cambio postural e a hixiene, así como un guindastre de teito, que simplifica os desprazamentos dentro do aseo e reduce o esforzo físico tanto das persoas usuarias como do persoal de apoio. Ademais, en todos os aseos do centro instaláronse sistemas de alarma accesibles para solicitar axuda en caso de emerxencia.

A reforma contou cun orzamento de 33.883,45 euros, procedentes dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral para Fins de Carácter Social, máis coñecido como a X Solidaria, que xestiona a Xunta de Galicia.

Esta actuación súmase ás diferentes melloras que a Asociación AGORA leva desenvolvendo nos últimos anos, co obxectivo de facer das súas instalacións un referente en confortabilidade, accesibilidade e atención de calidade, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

Galería de imaxes

Todas
|
COGAMI
|
IRPF
|
Movemento Asociativo