A Asociación AGORA mellora e adecúa as instalacións do centro de atención diúrna de Monforte para facelas máis accesibles

A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos vai mellorar e adecuar as instalacións do seu centro de atención diúrna de Monforte de Lemos. O obxectivo é que as persoas participantes dos seus recursos e ás profesionais dispoñan dunha contorna accesible, segura, confortable e adaptada ás súas necesidades, que favoreza a autonomía e mellore a calidade de atención.

O proxecto, avalado pola Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), busca optimizar a funcionalidade dos espazos mediante a incorporación de equipamento adaptado e a mellora da accesibilidade, a seguranza e o confort. Así, facilitarase a participación das persoas con discapacidade nas actividades do día a día.

Un taller de mosaico renovado

A actuación contempla a renovación do taller de traballos manuais de mosaico, un espazo pensado para fomentar a creatividade, a participación e o desenvolvemento de habilidades. Instalaranse mesas reclinables e regulables en altura, que permitirán adaptar o mobiliario ás diferentes necesidades físicas e manter unha postura axeitada e máis cómoda durante as actividades.

Ademais, mellorarase a ergonomía das profesionais que dinamizan o obradoiro e habilitarase unha zona de almacenaxe para organizar os materiais.

O proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE.

Galería de imaxes

Todas