A Asociación AGORA mellora os seus servizos terapéuticos e ocupacionais cunha nova dotación de material

A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos vén de incorporar novo material técnico e terapéutico co obxectivo de mellorar os programas e servizos que desenvolve no seu centro de atención diúrna e na área ocupacional.

O investimento, que ascende a 5.474 euros, permitiu adquirir xogos de pesas, unha cinta andadora, unha bicicleta estática con exercitador para membros superiores, unha báscula accesible para persoas con mobilidade reducida, así como nova maquinaria para os obradoiros de costura e de serigrafía. Esta dotación contribuirá a mellorar a calidade da atención, favorecer a accesibilidade e potenciar as capacidades das persoas usuarias.

A compra deste equipamento foi posible cos fondos procedentes do 0,7 % do IRPF que xestiona a Xunta de Galicia, a través da coñecida como X Solidaria, marcada pola cidadanía no recadro 106 da declaración da renda baixo a denominación “Actividades de interese xeral para fins de carácter social”.

Dende hai anos, a Asociación AGORA aposta por un modelo de atención sostible e de calidade, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, coa mellora continua dos seus espazos como eixo fundamental. A entidade mantén firme o seu compromiso coa accesibilidade universal e coa creación de contornas confortables e inclusivas para todas as persoas usuarias.

A Asociación AGORA

Constituída en 1992, AGORA é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade na comarca de Lemos, promovendo a súa plena participación na sociedade. Actualmente conta con 88 persoas asociadas e atende diariamente a 32 persoas nos diferentes programas e servizos que desenvolve. Para ampliar información, podes contactar coa entidade no correo agora@cogami.gal ou no teléfono 982 41 02 89 // 673 91 24 96.

Galería de imaxes

Todas
|
IRPF
|
X Solidaria